Tuesday 14 de May de 2024

Ares e Chapela gañan o Teresa Herrera de Traiñeiras, e Berrogui-Medina e Ayarra-Ibáñez o Gran Premio de Pelota


A Coruña viviu unha fin de semana de grandes citas deportivas coas traiñeiras e o frontón

A Coruña viviu unha intensa fin de semana de actividade deportiva con varias competicións promovidas polo Concello. Dentro desa ampla oferta destacaron a celebración do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras e o Gran Premio Internacional de Pelota Cidade da Coruña. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presidiu sendas entregas de premios.

“Esta intensa actividade deportiva na cidade é froito do compromiso da nosa alcaldesa Inés Rey co deporte e as súas diferentes disciplinas”, sinalou Vázquez. O Concello promove eventos de gran proxección como é este Teresa Herrera, con 37 edicións ás costas, e novas competicións dun grande interese internacional, como o Gran Premio de Pelota, no que competiron os mellores deportistas do mundo desta disciplina.

Por unha banda, no Teresa Herrera de Traiñeiras, esta foi unha fin de semana moi intensa e cun final moi axustado. Na categoría masculina, correspondente co XXXVII trofeo e XV bandeira, o Club de Remo Ares (20,35 minutos) fíxose coa vitoria por unha diferenza de 7 segundos. O Club de Remo Chapela quedou en segunda posición e non puido aspirar ao doblete, xa que na categoría feminina foron campioas (24,30 minutos) por ampla vantaxe sobre o Club de Remo Rianxo.

Por outra banda, no I Gran Premio Internacional de Pelota Cidade da Coruña os gañadores foron Dani Berrogui e Álvaro Medina na categoria de paleta de coiro; e Rubén Ayarra e Imanol Ibáñez na modalidade de paleta curta. “Este torneo nace con vocación de ter continuidade e de converter á nosa cidade nunha referencia da pelota a nivel nacional, aspirando a poder acoller novas citas internacionais moi pronto”, sinalou Manuel Vázquez.